Blogia
rosagalicia

LITERATURA UNIVERSAL

LITERATURA UNIVERSAL

Inauguramos un novo espazo de literatura universal no blog. E hoxe queremos render unha homenaxe á obra As ondas, da escritora británica Virginia Woolf, literata que viviu dende 1882 a 1941. Colgamos un comentario que esperamos que sexa do voso agrado para que así vos animedes a ler o libro que, por certo, está traducido á nosa lingua en Galaxia, na colección de Clásicos Universais.

As ondas é unha obra que conta a historia de seis compañeiros de estudos. Non obstante, o máis significativo é que todo o libro é un cúmulo de imaxes, metáforas, sinestesias, personificacións e comparacións, maxistralmente enfiadas. De feito, todas elas ensombrecen a historia que se está a contar, e que en ningún momento é o esencial da obra, porque o que a autora pretendeu foi sorprendernos cun apelo constante ós nosos sentidos.

Búscase un lector activo, atento, que descifre quen lle está a falar en cada intre, posto que o narrador é un ser enigmático, case un Deus Ex Machina, que incluso vai sufrindo metamorfoses en elementos da natureza ou entra noutros personaxes, e sempre deixando continua renda solta ó monólogo interior presente en toda a obra.

Non busquedes en As ondas unha historia convencional, unha trama, con inicio e desenlace, pois non o atoparedes. Todo o libro é unha chamada á percepción a través dun dominio excelso dos recursos estilísticos relacionados co plano do contido, e un canto á vida -sobre todo á natureza-, ó paso do tempo, e ó amor, cuxa ausencia nos converte en seres inertes.

Tampouco busquedes unha temporalidade ou un espazo definidos. Diriamos que só hai un marco espazo-temporal: o cosmos, un cosmos co que o ser humando está intimamente vencellado, e que todo el é unha eclosión constante de vida, e morte.

¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres.

0 comentarios

¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres